A investigadora Francesca Raffini analiza o polimorfismo adaptativo do caramuxo bravo

Francesca Raffini, investigadora posdoutoral do Molecular Ecology Laboratory (University of Sheffield), protagonizou unha nova sesión do ciclo de relatorios Café con Sal, un punto de encontro entre investigadores, alumnos e profesionais do sector do mar impulsado polo Centro de Investigación Mariña co fin de compartir coñecementos, xerar debates e novas ideas. Nesta penúltima cita do curso 2018-2019, Raffini afondou nas diferentes forzas evolutivas responsables do polimorfismo adaptativo do caramuxo bravo Littorina saxatilis, exemplificando os factores e interacións que favorecen o proceso de especiación en presenza de fluxo xénico en poboacións naturais. Durante o seu relatorio, Francesca Raffini presentou os resultados preliminares sobre a “variación fenotípica e xenómica ao longo dos transectos estudados na zona híbrida de L. saxatilis en Galicia”.

Littorina saxatilis, exemplo de diverxencia adaptativa

O proceso de especiación, explicou a investigadora, require da evolución de barreiras ao fluxo xénico entre poboacións que se atopan diverxendo, pero os mecanismos que subxacen a estes procesos son descoñecidos en grande medida, particularmente no caso da diverxencia en presenza de fluxo xénico. Segundo puntualizou Raffini, un modelo de estudo moi axeitado para o coñecemento dos factores envoltos na diverxencia adaptativa con fluxo xénico é o caramuxo L. saxatilis. “Esta especie intermareal posúe un ecotipo adaptado á forte ondada e outro adaptado a predación por cangrexos, e ambos atópanse de forma repetida ao longo da costa como resultado dunha diverxencia adaptativa. Estes ecotipos presentan unha diverxencia ecolóxica, morfolóxica e de comportamento, pero sen embargo atópanse hibridando na zona media do intermareal onde se superpoñen a predación por cangrexos e a exposición á ondada”.

Investigación na Ecimat

Para avanzar no coñecemento deste proceso de especiación, Raffini, en colaboración co catedrático da Universidade de Sheffield Roger Butlin, un grupo de investigadores do CIM-UVigo entre os que están Emilio Rolán e Juan Galindo, así como científicos das universidades de Gotemburgo e Sheffield, está levando a cabo estudos ecolóxicos de campo combinados coa análise xenómica (low coverage whole genome resequencing) de mostras da zona híbrida de L. saxatilis. O seu obxectivo principal é determinar a arquitectura xenómica da adaptación local destes ecotipos e a especiación en presenza de fluxo xénico que está a acontecer de forma paralela nas costas de Suecia e de Galicia. “Os resultados acadados mellorarán o noso coñecemento sobre o papel dos mecanismos ambientais e xenéticos no proceso de especiación, como poden ser os diferentes tipos de forzas selectivas, o apareamento asociativo, a elección de hábitat ou a arquitectura xenómica”.

Os estudos realizados na Ecimat están enmarcados dentro do proxecto Insights from hybrid zones: testing for habitat choice, divergent selection and genomic architecture in Littorina saxatilis adaptive divergence, financiado por Assemble Plus.