O CIM-Uvigo recibe a visita do Comité Asesor Externo

O Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, CIM-UVigo, formado polos 15 grupos de investigación dedicados á investigación mariña da Universidade de Vigo e pola Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, Ecimat, recibiu esta semana a visita do seu comité asesor externo que será o responsable de avaliar a xestión do centro e a adecuación e implementación da súa estratexia, tendo en conta as políticas de internacionalización e de infraestruturas internacionais.

Este comité está conformado por seis especialistas en investigación mariña e en xestión de centros de investigación internacionais e/ou redes europeas: Catherine Boyene, directora do Laboratoire de Biologie Intégrative des Modèles Marins (CNRS, Francia), coordinadora científica da Rede Europea de Investigación Mariña Euromarine e membro do Consello de Dirección de BioGenouest; David Paterson, director executivo do Marine Alliance for Science and Technology Scotland (MASTS) e presidente do Consello do European Marine Biological Resource Centre (EMBRC-ERIC); Randi Elisabeth Taxt, vicepresidenta da Oficina de Transferencia de Tecnoloxía de Bergen (Bergen Technology Transfer Office / Bergen Teknologioverføring AS, Noruega); Igor Campillo, director executivo da Euskampus Fundazioa, entidade xestora do Campus de Excelencia Internacional da Universidad del País Vasco / Euskal Herriko Unibertsitatea, e Josep M. Parés, coordinador de Xeocronoloxía e Xeloxía no Centro Nacional de Investigación sobre a Evolución Humana, Cenieh.

Coñecendo de preto a actividade dos diferentes grupos 

A visita deste comité asesor arrancou este martes pola mañá cunha recepción que correu a cargo da vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, e na que tamén participaron os decanos das facultades de Ciencias do Mar e de Bioloxía, Miguel Ángel Nombela e Jesús M. Míguez;  o director do CIM-UVigo, Daniel Rey; o director da Ecimat , José Manuel García; o director dos Centros de Apoio á Investigación, Benito Fernández, e o comité científico do CIM-UVigo.

Nesta primeira toma de contacto, Daniel Rey presentou ao comité a orixe, estrutura, organización, medios de financiamento e os principais indicadores do centro, así como os plans de futuro e a estratexia a seguir. Acto seguido, os integrantes do comité visitaron as instalación da Ecimat e do Cacti, sendo guiados polo persoal propio de ambos centros de apoio á investigación. Xa pola tarde, representantes dalgúns dos grupos de investigación do CIM-UVigo presentáronlles as súas liñas de investigación e proxectos en marcha. Entre eles contouse coa participación de Celia Olabarría e Estefanía Paredes, do grupo de Ecoloxía Costeira, Ecocost; Moncho Gesteira, do Laboratorio de Física Ambiental, Ephyslab; Emilio Rolán, do grupo de Xenética de Poboacións e Citoxenética, XB2; e José Luis Soengas, do equipo de Fisioloxía de Peixes, FB2. Pola súa banda, Elena Ojea (Future Oceans Lab) e Gianluca Marino (Laboratorio de Paleoclima, Geoma) presentaron algunhas das liñas emerxentes no centro.

O informe final elaborado polo comité será remitido en breve ao Centro

Hoxe mércores o comité asesor e os membros do CIM-UVigo centraron a súa actividade na discusión sobre as liñas estratéxicas a seguir polo CIM-UVigo no futuro, tanto nos seus proxectos de investigación como noutros ámbitos como a captación de talento investigador e a transferencia de resultados de investigación. O informe final elaborado polo comité será remitido en breve ao centro.

Fonte: DUVI