O ciclo Café con Sal achegouse esta semana a Marte

Etiquetas

 Elisabeth Losa, investigadora do grupo de Oceanografía Xeolóxica e Bioxeoquímica do CIM-UVigo, foi a protagonista este martes dunha nova sesión do ciclo de conferencias Café con Sal. Cunha intervención titulada Evolución do océano na Terra e en Marte: o punto de diverxencia, a experta explicou ás persoas asistentes o estudo das diferentes fases mineralóxicas presentes nun cráter de Marte.

Segundo a investigadora, actualmente Marte presenta unha temperatura media anual e unha presión superficial que fai que a presenza de auga líquida só poida ter lugar de maneira local e permanecer temporalmente baixo condicións anómalas ou moi restritivas. Non obstante, existen diversas evidencias que apoian a existencia de antigos corpos de auga sobre a superficie deste planeta, “o que implicaría a existencia no pasado dun clima máis húmido e unha atmosfera de maior espesor, a cal impediría a evaporación inmediata da auga”, explica Losa, que fai tamén fincapé en que as novidades sobre a natureza mineralóxica de Marte, resultante dunha meteorización acuosa, están a achegar novas ferramentas para comprender mellor as condicións ambientais deste planeta, tanto a escala local como global, e axudan a reconstruír o clima ao longo da historia de Marte.

Dentro deste contexto e dirixida por Luís Gago (grupo de Oceanografía Xeolóxica e Bioxeoquímica), e Alberto González (Centro de Astrobioloxía, CSIC), Elisabeth Losa desenvolveu a súa tese de doutoramento Meteorización de silicatos en Marte: o litio e os seus isótopos como trazadores xeoquímicos, co obxectivo de aumentar o coñecemento sobre a meteorización dos minerais do basalto e a evolución de parámetros termodinámicos e cinéticos. Así mesmo, o seu estudo tratou de interpretar a evolución isotópica do litio asociada aos procesos de meteorización e formación de minerais secundarios, co fin de estudar a viabilidade de aplicar as ferramentas creadas no seu traballo a futuros datos tomados de mostras in situ.

Durante a súa charla neste ciclo Losa presentou tamén un estudo cualitativo e cuantitativo das fases mineralóxicas presentes no cráter Gale, no cal empregou novas técnicas para obter datos cristalográficos, e describiu un posible tipo de mineral de arxila identificado e a súa utilidade para reconstruír a historia xeoquímica do cráter Gale.

O seguinte ‘café’ será o martes 9

O ciclo de conferencias Café con Sal continuará o vindeiro martes coa intervención de María Oliveiro e Simona Schiavo, investigadoras do Centro de Investigación ENEA -Portici Research Center- de Italia, que ofrecerán o relatorio Efectos tóxicos dos microplásticos no medio mariño. Máis información en www.cim.uvigo.es/cafeconsal.