O International Symposium on Marine Sciences converterá Vigo este verán na capital mundial das ciencias mariñas

int symp mar sci

O Seminario Ibérico de Química Mariña, o Encontro de Oceanografía Física, a Reunión Ibérica de Fitoplancto Tóxico, a International Science Conference do Campus do Mar, o Workshop Patrimonio Cíes o propio Internacional Symposium on Marine Science, ISMS 2018, reunirán en Vigo, entre os días 20 ao 22 de xuño, a preto de 400 participantes, co obxectivo de aglutinar todo o coñecemento científico de interese internacional no ámbito das ciencias mariñas. A sexta edición do ISMS, que tamén servirá ao estudantado de grao, mestrado e doutoramento para expoñer os seus primeiros traballos científicos, foi presentado este mediodía nun acto, no que o reitor da Universidade de Vigo e o alcalde de Vigo, destacaron a relevancia do evento, que Mato definiu como “o congreso dos congresos”. A decana da Facultade de Ciencias do Mar da Universidade de Vigo, Belén Rubio, que xunto as súas homólogas e homólogos das universidades de Las Palmas de Gran Canaria, Cádiz, Valencia, Alacante e Barcelona, encárgase da organización deste evento, incidiu na importancia dun simposio “que é o único de ciencias do mar que se realiza en España e no que están representadas as seis universidades nas que se imparte esta titulación”, explicou a responsable do centro, que estivo acompañada na presentación de hoxe polo director e a responsable de Captación de Talento de Campus do Mar, Emilio Fernández e Elsa Vázquez, respectivamente, así como por representantes do Instituto Español de Oceanografía e do Instituto de Investigacións Mariñas-CSIC, que xunto ao Concello de Vigo, colaboran na organización do simposio internacional, que se celebrará no Auditorio Mar de Vigo.

“O simposio representa un punto de encontro entre investigadores que traballamos no avance das distintas disciplinas que conforman as ciencias mariñas e supón facer unha análise profunda e rigorosa de cara a onde deben encamiñarse as actuacións para aproveitar o potencial que teñen os océanos para o crecemento e o desenvolvemento, con particular interese nas costas, pola alta densidade de poboación que nelas se asenta”, explicou Rubio, que destacou a gran multidisciplinariedade das áreas temáticas que se abordarán nos diferentes congresos e que van da modelización oceánica ou a saúde dos ecosistemas mariños, á xeoloxía mariña e a conservación e xestión de recursos vivos e xeolóxicos, pasando polas tecnoloxías para a observación dos océanos.

Destacados poñentes e un comité científico moi variado

A botánica e algóloga Marina Montesor da Estación Zoolóxica de Nápoles; o investigador do Marum de Bremen Oscar Romero, que estuda os efectos dos cambios na biodiversidade e o clima sobre a función crítica dos ecosistemas mariños e dos ciclos bioxeoquímicos; a investigadora da Universidade de Lieja Aida Alvera, que traballa na implementación e validación de modelos hidrodinámicos 3D ou os investigadores Jorge Cortés da Universidad de Costa Rica e Jörg Schéfer da Universidade de Burdeos, son algúns dos poñentes internacionais que xa confirmaron a súa presenza no simposio. “O programa de conferencias plenarias está case pechado e todos os poñentes invitados son investigadores de primeira liña, cunha elevada representación internacional”, destaca Rubio, que tamén pon de relevo o carácter internacional do comité científico con representantes de Francia, Alemaña, Arxentina, Brasil, Tunisia, Líbano e Estados Unidos.

En relación co programa de comunicacións, Rubio confirmou que todas elas terán unha revisión por pares que garanta a calidade dos traballos presentados. “Polo de agora, ofertamos unha serie de temáticas nas que poden encaixarse, pero ademais intentaremos incentivar a participación dos novos investigadores”, explica Rubio, que lembra que só en Vigo se concentra máis do 40 % das investigacións que se fan en ciencias do mar e que na cidade e na súa contorna, dáse unha das maiores concentracións de centros de investigación, divulgación e docencia mariña do mundo.

Colaboración científica para da músculo á candidatura de Cíes

Na presentación deste mediodía, tanto o reitor, como o alcalde de Vigo, referíronse á importancia da celebración do Workshop Patrimonio Cíes, que ten o obxectivo de reunir e debater sobre o traballo científico que ata este intre se ten sobre as Illas Cíes e poñer en contacto a todas e todos os investigadores que desenvolven a súa actividade neste ámbito, coa finalidade de potenciar sinerxías e posibles proxectos de investigación conxuntos. “Neste congreso dámos un paso máis na busca de Cíes Patrimonio da Humanidade e son eles, os científicos e as científicas os que deben avaliar os criterios que cumprimos para acadar o obxectivo”, sinalou Abel Caballero, que destacou o feito de que Cíes servise no caso de Vigo para que o seu concello se convertese en potenciador de investigacións.

Pola súa banda, Salustiano Mato, incidiu a idea de que debe ser a comunidade científica a que, co seu traballo, faga visibles as evidencias que “dean músculo á candidatura de Cíes Patrimonio da Humanidade. Este é o xeito de facer máis real o soño”, asegurou o reitor, que lembrou o compromiso da Universidade de Vigo neste proxecto. Unha implicación materializada o pasado mes de xullo coa sinatura cun convenio co obxectivo de poñer en valor e reunir as evidencias científicas do arquipélago, para presentar a candidatura á Unesco.

Fonte: DUVI