Vigo asesorará ás universidades de Cambodja na posta en marcha de programas de doutoramento do eido mariño

A experiencia da Universidade de Vigo no eido mariño, tanto dende o punto de vista científico como de xestión económica e xurídica, servirá como guía para a posta en marcha de programas de doutoramento en Cambodja que conduzan a mellorar a calidade e relevancia da educación superior deste país. Esta colaboración enmárcase no proxecto Dockside, que coordina a Université de Nantes, e do que forman parte as universidades de Vigo e Syddansk (Dinamarca) e, por parte de Cambodja, o Ministerio de Educación, Xuventude e Deportes, a Universidade Nacional de Administración, a Real Universidade de Dereito e Economía, a Real Universidade de Agricultura e a Universidade de Battambang.

Este iniciativa céntrase na reforma dos estudos de posgrao e doutoramento relacionados coa xestión do mar e os recursos mariños do país asiático e conta co financiado do programa Erasmus+. O proxecto arrancou en outubro de 2016 e estenderase ata 2019 e, tras varias xuntanzas no país asiático, esta semana (18-22 setembro) unha delegación cambodjana visita o campus de Vigo, achegándose o xoves 21 ata ás instalacións da ECIMAT. Na súa primeira xornada na Universidade foron recibidos polo reitor, Salustiano Mato, e mantiveron varias xuntanzas con docentes e investigadores, encabezados polos catedráticos Manuel Varela, da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e Jaime Cabeza, da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo. Ambos explicaron que se trata de que as universidades europeas apoien aos socios cambodjanos organizando a formación e o intercambio de boas prácticas para fortalecer a capacidade de investigación e a calidade dos programas de doutoramento. “Nós podemos achegar a nosa experiencia tanto a nivel tecnolóxico como a nivel organizativo en estudos de posgrao” relacionados coa economía, a xestión, o medio ambiente e a pesca, entre eles o programa de doutoramento Do*Mar, explica Cabeza.

A estreita relación de Cambodja co mar

O interese do goberno cambodjano por renovar os estudos de posgrao do eido mariño é consecuencia do peso deste sector na economía pero tamén da exposición do país aos efectos do cambio climático. De feito, a Net Vulnerability Resilience Index declarou a Cambodja como o cuarto estado máis vulnerable ao cambio climático de entre 95 estados e estímase que para 2030 as escorrentías en toda a conca do Mekong aumentarán nun 21%. No referente á compoñente económica, o comercio marítimo e as infraestruturas portuarias son factores clave para a competitividade económica do país, pero o esgotamento dos recursos naturais, a vulnerabilidade das pesqueiras, a seguridade alimentaria, a xestión de recursos hídricos, o transporte marítimo e intermodal e a eficiencia portuaria son cuestións centrais que requiren dunha rede investigación multidisciplinar e dunha renovada oferta de programas de doutoramento.

É neste contexto no que xorde a colaboración coas universidades europeas de Nantes, Vigo e Syddansk, as tres especialmente relacionadas co mar. Manuel Varela lembra que Cambodja, “tras o período colonial francés está inmersa nun profundo proceso de transformación, que inclúe ás universidades, pero teñen carencias en canto a profesorado e persoal formado a nivel de doutoramento”, e é nese eido no que buscan asesoramento das universidades europeas. No caso de Vigo, achegarase a experiencia do programa de doutoramento en Ciencias mariñas, tecnoloxía e xestión Do*Mar, que coordina Manuel Varela, e outros relacionados co eido xurídico ou económico, por exemplo o programa de doutoramento en Ordenación Xurídica do Mercado. Pero o catedrático Cabeza destaca tamén que Vigo ten “unha bagaxe tecnolóxica que nos permite asesoralos en investimentos e en organización”. En esencia, resume, búscase concluír este proxecto creando unha rede de contactos e de relacións recíprocas entre as universidades.

Para iso, na xornada do luns a delegación cambodjana comezou por coñecer os grupos de investigación vigueses relacionados co eido mariño e ao longo da semana reuníuse con representantes do Campus do Mar e de Uvigo TV visitando o Porto de Vigo, Arvi, o Porto de Vilagarcía, cooperativas de mariscadoras, o Centro de Investigacións Mariñas, etc., xa que como destaca Varela “están tamén moi interesados en coñecer como se relaciona a Universidade con stakeholders, coa contorna e coa sociedade”.

Escolas de verán e programas de intercambio

Para crear unha rede estable de colaboración, os socios deste proxecto apostaron por organizar anualmente un workshop e un curso de verán en Cambodja, así como programas de intercambio tanto de docentes e investigadores como de estudantes. De feito, dende outubro e ata decembro dúas estudantes da Universidade de Vigo realizarán unha estancia no país asiático. Tamén no mes de outubro, engade Cabeza, “terá lugar o primeiro workshop en Cambodja, no que van participar dúas profesoras da Universidade de Vigo e Elsa Vázquez, como representante do Campus do Mar”.

Fonte: duvi

Edificio Filomena Dato
Campus de Vigo
36310 Vigo. Galicia. (Spain)