Un estudo avanza no coñecemento da resposta inmune antiviral e resistencia do rodaballo ao seu principal virus, o VHSV

Vacina rodaballo PatriciaIIM

O rodaballo é unha das especies máis importantes para o sector acuícola en Galicia e a secuenciación do seu ADN por parte do Grupo de Inmunoloxía e Xenómica do Instituto de Investigacións Mariñas en 2016 foi un grande avance para optimizar a súa produción. Agora, a tese da investigadora deste grupo, Patricia Pereiro, no marco do Programa de Doutoramento en Ciencias Mariñas, Tecnoloxía e Xestión Do*Mar avanza no coñecemento da resposta inmune antiviral e a resistencia do rodaballo ao seu principal virus, a septicemia hemorráxica viral (VHSV). Ademais, a científica tamén deu un paso máis no referente aos métodos para combatelo, deseñando a primeira vacina de ADN que codifica a glicoproteína G de VHSV.

A tese, con mención internacional e dirixida por Beatriz Novoa e Antonio Figueras, foi defendida no Instituto de Investigacións Mariñas, sendo a primeira tese de doutoramento presentada nun centro do CSIC en Galicia. O grupo de investigación ao que pertence a estudante de doutoramento leva máis de dúas décadas desenvolvendo investigacións sobre o rodaballo.

A tese: contexto, obxectivos e resultados

“O rodaballo ten un alto valor comercial, especialmente en Europa e China”, explica o investigador Antonio Figueras. “Na actualidade, o seu cultivo está ben establecido, levándose a cabo o ciclo completo principalmente en instalacións en terra. Non obstante, existen aínda limitacións ao seu cultivo, entre as que figuran episodios de mortalidade debidos ás enfermidades ocasionadas por diversos patóxenos, entre eles, o virus da septicemia hemorráxica viral (VHSV)”, engade. E é que “o coñecemento do sistema inmune da especie é aínda escaso e pouco se sabe sobre as interaccións patóxeno-hospedador, sen embargo, para mellorar a resistencia da especie a enfermidades é fundamental comprender como actúan os seus mecanismos de defensa”, engade Beatriz Novoa.

Neste contexto, o obxectivo de Patricia Pereiro na súa tese foi afondar na resposta do rodaballo fronte ao VHSV e incrementar a información dispoñible nas bases de datos científicas sobre as secuencias de transcritos de rodaballo relacionadas coa resposta inmune fronte a este virus. “Deseñouse un microarrai a través do cal se levou a cabo unha ampla análise transcriptómica da resposta na especie a unha infección con VHSV”, explica Pereiro, que engade que tamén “se caracterizaron e estudaron por primeira vez dous interferóns de tipo I, principais moléculas antivirais en vertebrados porque inducen a expresión de numerosos xenes capaces de bloquear a proliferación de virus; os dous amosaron distintas propiedades e ningún presentou efecto protector fronte a infeccións bacterianas”.

Outros dos principais resultados desta tese é o deseño e avaliación dunha vacina de ADN fronte á infección, que codifica a glicoproteína G de VHSV e demostrouse, a través de ensaios en laboratorio, que induce bos niveis de protección na especie fronte ao virus. Ademais, sinala a investigadora “un mes despois da vacinación detectáronse anticorpos específicos fronte á glicoproteína G con capacidade de neutralizante no soro dos rodaballos vacinados e observouse que, tras a infección, o perfil transcriptómico entre peixes vacinados e non vacinados foi totalmente diferente: os non vacinados mostraron unha extensa e incontrolada resposta inmune e os vacinados unha resposta moderada e controlada”, destaca Patricia Pereiro. A tese tamén permite a identificación de novos xenes en rodaballo relacionados coa resposta inmune e por ter suposto a primeira análise transcriptómica en rodaballo empregando a secuenciación masiva.

Patricia Pereiro é licenciada en Bioloxía pola USC e posteriormente cursou o mestrado interuniveristario de Acuicultura para despois matricularse no programa de doutoramento do Campus do Mar. As súas liñas de investigación versan sobre a resposta inmune tanto en rodaballo, como en peixe cebra, especie tropical de grande interese como modelo para o estudo da inmunoloxía de peixes así como tamén en biomedicina. Na actualidade, e tras obter o título de doutora, continúa traballando no grupo do IIM cun contrato asociado a un proxecto do Plan Nacional de I+D+i do Ministerio de Economía e Competitividade.

PatriciaIIM lecturatese

Patricia Pereira, terceira pola esquerda, acompañada dos seus directores e dos membros do xurado

Fonte: Duvi