A rede europea EuroMarine abre unha convocatoria para a organización de grupos de traballo internacionais e xornadas de traballo sobre investigación mariña

A Rede Europea de Investigación Mariña (EuroMarine), da que forma parte a Universidade de Vigo (a través do Centro de Investigación Singular en Ciencias do Mar – ECIMAT), organiza unha convocatoria de propostas de actividades para obradoiros de prospectiva e grupos de traballo que aborden servizos ou cuestións estratéxicas relacionadas co ámbito mariño.

Visión xeral

  • As categorías de actividades elixibles que serán financiadas en 2017 limítanse a:
    • Obradoiros de prospectiva (“horizon scanning”, FWS) – financiamento máximo: 7.500 €
    • Grupos de traballo de EuroMarine (WG) que aborden servizos ou cuestións estratéxicas – financiamento máximo: 5.000 €
  • Para ser elixibles, as propostas científicas deben abordar as prioridades de EuroMarine, tal e como se definen no texto resumo de 2015 sobre a estratexia científica de EuroMarine.
  • As propostas deben implicar polo menos tres organizacións membros de pleno dereito (de pago) de EuroMarine en 2017, de polo menos dous países diferentes.
  • As actividades deberían realizarse preferentemente en 2018, e calquera excepción deberá ser xustificada na proposta.

Como enviar unha proposta

  • Os documentos e ligazóns relevantes para a presente convocatoria están dispoñibles no sitio web de EuroMarine.
  • As propostas deben facer referencia ao texto completo da convocatoria, aos termos e condicións de financiamento para obter detalles sobre os criterios de elixibilidade, os custos elixibles e as restricións asociadas ao financiamento, así como aos demais documentos de apoio ou ligazóns para consultar as prioridades de EuroMarine ou atopar posibles socios coorganizadores de EuroMarine.
  • Para enviar unha proposta, os solicitantes deben cubrir e enviar o formulario de solicitude (empregando o modelo en Word ou en Open Office) seguindo as instrucións indicadas no mesmo.

Proceso de selección

  • Todos os solicitantes recibirán unha notificación e o resultado publicarase na páxina web de EuroMarine.
  • Cada unha das actividades financiadas por EuroMarine será descrita nunha páxina web específica dentro do sitio de EuroMarine e anunciarase oportunamente na lista de correo de EuroMarine, de modo que os membros de EuroMarine poidan solicitar participar.

Cronoloxía

  • 13 de marzo: Preanuncio da convocatoria
  • 1 de abril: Publicación da convocatoria
  • 31 de maio: Data límite para a presentación de propostas de FWS e WG
  • 1 de xuño – 1 de setembro: Proceso de avaliación
  • 16 de outubro: Publicación dos resultados

Máis información:

secretariat@euromarinenetwork.eu

Edificio Filomena Dato
Campus de Vigo
36310 Vigo. Galicia. (Spain)