Núñez Feijóo ratifica o “compromiso inalterable” da Xunta co desenvolvemento de Campus do Mar na ETEA

“O compromiso do goberno galego será inalterable con este proxecto. Porque o temos acordado, porque o temos pactado, porque imos cumprilo e porque somos conscientes de que é un proxecto que temos que materializar con urxencia”. Nestes termos referiuse ao desenvolvemento do proxecto de Campus do Mar en terreos da ETEA o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na súa primeira visita institucional á Universidade de Vigo, onde se reuniu co reitor, Salustiano Mato, e co seu equipo de goberno, así como coas comisionadas e comisionados da institución académica. Na súa comparecencia ante os medios de comunicación, o titular do Goberno galego detallou o investimento que se destinará ao desenvolvemento do proxecto e que cifrou en oito millóns de euros, “entre os fondos da Xunta de Galicia e de Zona Franca”, uns fondos que, non obstante, lembrou Feijóo, precisan que haxa un desbloqueo previo das instalacións de Campus do Mar na ETEA para poder ser aplicados. “Estamos falando de dous millóns de euros de fondos Poptec, Programa Operativo de Cooperación Transfronteirizo España-Portugal, que imos pechar na reunión que terá lugar en Faro o vindeiro 6 de abril. Estamos a falar doutros tres millóns de euros, que o conselleiro de Facenda notificou ao reitor hai escasas datas para comprometer por parte da Xunta de Galicia fondos propios. E estamos a falar doutros tres millóns de euros da Zona Franca para rehabilitar o Edificio Siemens. En definitiva estamos pendentes de executar oito millóns de euros de forma inmediata no Campus do Mar na ETEA”, detallou Feijóo, que reiterou que o compromiso da Xunta de Galicia co Campus de Excelencia Internacional “non ten volta atrás, está no presuposto”. Feijóo manifestou a súa confianza de que entre todos “sexamos capaces de trazar este camiño pronto e seguro para que o Campus do Mar sexa o que ten que ser, un campus para investigar, para internacionalizar a nosa universidade e para facer a Galicia unha das zonas máis importantes na investigación no ámbito do mar e da eólica mariña de Europa. Modernidade, unidade e colaboración é o que vimos a propoñer” dixo o titular do executivo autonómico.

Núñez Feijóo tamén incidiu na necesidade de deixar atrás o illamento, o minifundismo e o localismo e substituílos pola “colaboración, a cooperación e a internacionalización” e lembrou que as administracións “non son meros apéndices da vontade versátil do político de turno”, polo que cómpre establecer o principio de que son de todos e responden ao interese permanente de todos, apelando, neste sentido, á obriga de colaborar, cooperar e internacionalizar “como misión irrenunciable de calquera político galego”.

Pola súa banda o reitor da Universidade de Vigo agradeceu a visita institucional do titular da Xunta, que si ben, lembrou Mato “participou en moitos actos académicos, non tivera ocasión ata agora de coñecer o campus universitario, así como os detalles do proxecto de especialización Vigo Tecnolóxico”. Tras asinar no Libro de Honra da Universidade e reunirse co equipo de Goberno e as comisionadas e comisionados da institución académica viguesa, o presidente da Xunta desprazouse a pé, xunto ao conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez e o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, desde a Reitoría ao novo Centro de Apoio Científico e Tecnolóxico á Investigación, Cacti.

Universidades á vangarda dunha revolución tranquila e progresiva
Feijóo comezou a súa intervención ante os medios destacando que Galicia foi quen de superar o illamento, o minufundismo e o localismo, converténdose “nun país, agrupado en obxectivos comúns e que vai convertendo os localismos nun vestixio do pasado ou nun mero recurso político de curtos horizontes”. O presidente da Xunta situou ás universidades na vangarda desa “revolución tranquila e progresiva”, asegurando que a Universidade de Vigo está “á vangarda desa Galicia moderna que queremos e que di non ao illamento, ao minifundismo e ao localismo”. A continuación, Feijóo lembrou algúns dos acordos máis importantes acadados polas tres universidades galegas e a Xunta como plan consensuado hai uns días para concretar o futuro mapa de titulacións, os dous últimos sistemas de financiamento ou o referido á impartición da titulación de Medicina.

“A Universidade de Vigo faise grande porque acepta a man tendida e tende a man a outros”, asegurou o presidente da Xunta, que se referiu de novo a Campus do Mar como un exemplo de colaboración das tres universidades galegas, así como de centros e agrupacións de investigación de Galicia e do norte de Portugal, convertido nunha referencia internacional en investigación mariña. O titular da Xunta tamén aludiu no seu discurso ao Centro de Investigacións Biomédicas que dixo “representa a Galicia do futuro que queremos construír” e que, lembrou, é unha da sete unidades excelentes acreditadas pola Xunta, xunto á Ecimat e AtlantTIC, no caso da Universidade de Vigo. Feijóo gabou o traballo desenvolvido pola catedrática África González á fronte do centro e apuntou que se investirán arredor de catro millóns de euros nun centro, que considera se define coa palabra “multidiciplinariedade” e que co seu traballo en ámbitos como o cancro, a inmunidade a neurociencia, o envellecemento activo ou a obesidade, “representa o modelo de centro investigador que Galicia quere”.

Fonte: DUVI

Unha institución solvente e capaz de capear a recesión económica
Feijóo rematou a súa intervención recoñecendo o traballo desenvolvido polo equipo de Goberno actual e anteriores da institución académica viguesa a prol dun modelo de universidade “solvente; que foi capaz de capear a recesión económica; que é capaz de multiplicar por dous e incluso por tres cada euro público que recibe e de altísimo nivel e que a pesar dunha idade curta, no se entendería o Sistema Universitario desde a modernidade, a unidade e a colaboración” O presidente da Xunta amosouse convencido que de o Campus do Mar na ETEA non ten volta atrás e que “eses oito millóns de euros están petando na porta para ser executados e espero que o tempo que perdemos ata o de agora o recuperemos de xeito inmediato para executar ese orzamento de forma rápida e poder estar en moito pouco tempo na ETEA”, asegurou.

Edificio Filomena Dato
Campus de Vigo
36310 Vigo. Galicia. (Spain)