“O sexo cambia na praia: disrupción endocrina en gasterópodos”, 15 de xuño na ECIMAT

O vindeiro mércores 15 de xuño ás 11:00 h, no salón de actos da ECIMAT, temos unha nova sesión da VI edición do Programa Café con Sal. Filipe Laranjeiro, estudante de doutoramento da Universidade de Aveiro e a Universidade de Vigo, nos presentará parte dos resultados das súa tese doutoral coa charla titulada “O sexo cambia na praia: disrupción endocrina en gasterópodos“.

A tese doutoral de Filipe Laranjeiro, codirixida por Ricardo Beiras, centrouse no estudo e monitoraxe dos efectos tóxicos causados por compostos de organoestaño (TBT e TPT), compostos comunmente usados ata a súa prohibición en formulacións de tintas anti-vexetativas aplicadas en barcos. Estes compostos son responsables do fenómeno de disrupción endócrina – imposex – que se caracteriza polo desenvolvemento de caracteres sexuais masculinos en femias de gasterópodos, chegando a causar en casos de elevada contaminación a esterilidade das femias e a consecuente desaparición das poboacións.

Durante esta conferencia Filipe Laranjeiro presentará brevemente os niveis actuais de imposex na costa de Portugal e a súa evolución durante os últimos anos, así como os resultados dun bioensaio con sedimento procedente do porto de Vigo.

Para máis información sobre esta conferencia pode ler o blog ou a páxina web da ECIMAT.

Ver programa completo do Programa de Presentacións Científicas Café con Sal.

Ver cartel da presentación de Filipe Laranjeiro.

Esperámosvos na ECIMAT.

Edificio Filomena Dato
Campus de Vigo
36310 Vigo. Galicia. (Spain)