As vantaxes do uso dun gasterópodo para a detección de contaminación por tributilestaño en sedimentos

Filipe portada6

O que na década de 1950 semellaba unha solución na industria naval para evitar o biofouling ou acumulación de microorganismos, algas ou bivalvos nas estruturas e materiais que estaban somerxidos continuamente no mar, confirmaríase anos despois como un grave problema para moitos organismos mariños ata o punto de que as autoridades internacionais prohibisen o seu uso. O tributilestaño, TBT, é un composto biocida que comezou a utilizarse como ingrediente activo en pinturas anti-incrustantes coa finalidade de evitar o crecemento de organismos, non obstante, co paso dos anos e a súa difusión mundial, confirmouse que non era discriminatorio e resultaba altamente tóxico para algúns organismos. Ao engrosamento anormal detectado nas cunchas das ostras en Arcachon (Francia), sumouse na década de 1970 en Inglaterra e Estados Unidos a observación da presenza dun pene en femias dos gasterópodos Nucella lapillus e Nassarius obsoletus. Este fenómeno, denominado imposex, consiste na imposición de carácteres sexuais masculinos, como o pene ou o vaso deferente en femias dalgunhas especies de gasterópodos. O imposex non se relacionou ata 1981 coa contaminación debida ao TBT, ao observarse que cerca dos portos os niveis desta anormalidade eran máis elevados. Sucesivas directivas europeas e a Convención Internacional para o Control das pinturas antifouling prexudiciais, celebrada en 2008, determinaron a prohibición a escala mundial de usar TBT en todos os barcos.
“Nos estados máis severos de imposex as femias poden ser estériles, o que conduce a unha diminución ou extinción da poboación. Na actualidade hai rexistros deste efecto en máis de 260 gasterópodos”, explica o investigador da Universidade de Aveiro e do Grupo Ecotox da Universidade de Vigo Filipe Laranjeiro. O investigador sinala que, o feito de que o imposex sexa unha resposta altamente específica ao TBT, convérteo nun dos mellores biomarcadores de monitorización ambiental e nunha ferramenta eficaz e de baixo custo para detectar a contaminación por este composto no ambiente acuático. Tendo en conta a grande utilidade deste biomarcador, organizacións como Ospar ou Helcom consideran o imposex un elemento obrigatorio nos seus programas de monitorización ambiental.

Imposex en Galicia e un caso de estudo no porto de Vigo

Estudos realizados na década de 1990 nas rías galegas confirmaron que as de Ferrol, Coruña, Arousa e Vigo eran as áreas máis contaminadas por TBT, debido aos portos pesqueiros e a mercancía que albergan. Traballos posteriores revelaron que a aplicación das directivas europeas sobre prohibición de uso de tributilestaño foron eficaces, rexistrándose unha diminución do nivel deste composto no medio ambiente, algo que tamén se observou noutros países europeos, aínda que en casos puntuais seguen a rexistrase poboacións con niveis altos de imposex.
O grupo Ecotox da Universidade de Vigo, ao abeiro do proxecto Sediport, financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación, realizou na zona portuaria de Vigo varios estudos. Nun artigo publicado recentemente demostran as vantaxes do uso da especie do gasterópodo Nassarius reticulatus nun bioensaio realizado para a detección de contaminación por TBT en sedimentos. Para a realización do bioensaio recolléronse individuos desta especie nunha estación de control previamente definida polos seus baixos niveis de imposex, expoñéndose posteriormente aos sedimentos a testar durante 28 días. “Os resultados amosaron que en tres dos seis sedimentos recollidos en 2010 en diferentes zonas do porto de Vigo houbo un aumento estatisticamente significativo dos niveis de imposex. Isto era indicativo de que neles había TBT biodispoñible, sendo así un risco potencial tanto para gasterópodos como para outros organismos debido a súa alta toxicidade”, explica o investigador de Ecotox.

O valor do bioensaio con sedimentos

Por outra banda, a monitorización feita nas poboacións de N. reticulatus existentes nas zonas onde se recolleron os sedimentos demostrou que entre 2008 e 2013 os niveis de imposex decreceran só nas zonas que contiñan os sedimentos que non causaran ningún efecto no bioensaio de 2010. Tamén se confirmou que o nivel de imposex mantivérase considerablemente elevado nese período, nunha das zonas cuxo sedimento inducira en 2010 un crecemento dos niveis de imposex. “Todo isto pon de manifesto que o bioensaio en sedimentos é unha ferramenta de baixo custo que pode detectar contaminación por TBT en zonas onde non hai poboacións nativas de gasterópodos e sen necesidade de facer análises químicos que supoñen custos elevados. Este bioensaio pode tamén identificar de xeito precoz zonas contaminadas e anticipar niveis futuros de imposex ou, ao revés, a recuperación dos niveis de imposex das poboacións”, sinala o investigador portugués. Os resultados deste traballo permitiron deseñar un protocolo que foi incluído no Manual de métodos básicos en contaminación acuática, editado por Ecotox.

Filipe Laranjeiro alerta de que, aínda que en Galicia a tendencia natural é a baixada dos niveis de imposex en zonas que inclúen estaleiros, portos de pesca e mercancías, a polución por TBT pode seguir detectándose debido a que a súa taxa de degradación nos sedimentos é baixa.

Póxima conferencia na ECIMAT

O próximo mércores día 15 Filipe Laranjeiro será o invitado do ciclo de presentación científicas “Café con sal” da Ecimat, no que presentará a ponencia titulada “O sexo cambia na praia: disrupción endocrina en gasterópodos”.

Para máis información visite o noso blog