Patróns bioxeográficos do bacterioplancton mariño superficial

Charla Victor

O bacterioplancto mariño inclúe unha variedade de formas de vida que pertencen ao dominio bacteria, que habitan na columna de auga de todos os mares e océanos do planeta. As bacterias mariñas posúen unha enorme versatilidade metabólica e fisiolóxica, que lles confire un papel esencial en practicamente todos os ciclos bioxeoquímicos do planeta.  Así, o bacterioplancto controla os fluxos de nutrientes no sistema a través da re-mineralización da materia orgánica, xogando un papel fundamental no fluxo do carbono e noutros ciclos bioxeoquímicos como o do nitróxeno, fósforo ou xofre. Por este motivo, o estudo da súa diversidade e ecoloxía é fundamental para unha axeitada comprensión da función dos ecosistemas.

Coa finalidade de comprender mellor os procesos que gobernan as comunidades bacterioplanctónicas mariñas en augas peláxicas, o Grupo de Oceanografía Biolóxica, GOB, da Universidade de Vigo, ten entre os seus obxectivos estudar os patróns bioxeográficos do bacterioplancto mariño que habita a zona eufótica ao longo das diferentes escalas espaciais e temporais. Unha das zonas seleccionadas para o estudo, realizado por Víctor Hernando na súa tese doutoral e coordinado por Eva Teira, en colaboración con membros do Instituto Español de Oceanografía de A Coruña e Vigo e o Centro Superior de Investigaciones Científicas de Vigo, CSIC, foi a costa de Galicia, que representa o límite norte dun dos principais sistemas de afloramento do este dos océanos do mundo.

Baixo este traballo de investigación estudiouse a dinámica anual da estrutura e composición da comunidade bacteriana a dúas profundidades diferentes en augas da plataforma galega nas zonas externas das rías de Vigo e A Coruña e se identificaron filoxenéticamente as poboacións de bacterias coa finalidade de estudar a dinámica espacial e temporal dos distintos taxóns no sistema.

Os principais resultados serán presentados por Victor Hernando o vindeiro venres 22 na ECIMAT ás 11h baixo o programa Café con Sal, coa conferencia titulada “Patróns bioxeográficos do bacterioplancto mariño superficial”.

Ver Programa completo da VI Edición do Programa de Presentacións Científicas Café con Sal.

Ver Cartel da presentación de Victor Hernando.

Para máis información sobre o tema desta conferencia pode consultar o diario da Universidade de Vigo e o blog da ECIMAT.

Esperamosvos na ECIMAT.