O desafío de usar elementos comúns como ferramentas científicas: un exemplo mariño

noela

Debido á heteroxeneidade dos fondos mariños necesítase un elevado número de observacións para atopar as regularidades, campañas de medidas interminables, aparellos de medida sofisticados e custosos e complexos análises numéricos e estatísticos. Co fin de abaratar custos e empregar a electrónica  de consumo habitual xa desenvolvida, investigadores da Agrupación OCEANO-ECIMAT do grupo de Oceanografía Física da Universidade de Vigo (Noela Sánchez), da UNED (Daniel Rodríguez) e do grupo de Ecoloxía de peixes do CENPAT (Arxentina), estudan a posibilidade de empregar datos acústicos obtidos con sondas similares ás sondas de uso pesqueiro, presentes ata en embarcacións pequenas, para detectar hábitats bentónicos.

Co desenvolvemento da electrónica de consumo, os científicos propuxeron recentemente solucións enxeñosas para usar ferramentas comúns para facer o seu traballo a un prezo módico, como, por exemplo, tarxetas gráficas de computador desenvolvidas para os videoxogos e empregadas en medicina e oceanografía. Na ciencia mariña, especialmente no estudo do fondo mariño, empréganse ecosondas científicas e programas de computador altamente especializados e moi custosos para estudar algo que todo o mundo pode “ver” nas súas sondas de embarcacións pequenas e medianas. Fronte a este feito, os investigadores plantexáronse usar esta electrónica de consumo como sonda ou detector de hábitats bentónicos.

Tal e como explican Noela Sánchez e Daniel Rodríguez, aínda que todos as ecosondas seguen o mesmo esquema xeral, en función de cal sexa o obxecto de estudo (os bancos de peixes, o plancto, os fondos mariños,etc.) e o orzamento do comprador, as ecosondas científicas varían nas súas características técnicas: frecuencias utilizadas, anchura dos haces acústicos, número de transductores traballando sincrónicamente, etc. En estudos de hábitats bentónicos, estas características determinan, entre outras cousas, o “cando” e “onde” chega a onda acústica ao fondo mariño e o detalle que proporciona de él (a profundidade á que se atopa, as formacións acústicamente diferentes que hai nel, etc.) de forma que canto máis detalle, máis cara é a ecosonda. Nos barcos pesqueiros e de recreo hai a miúdo ecosondas que mostran os obxectos na columna de auga (peixes, algas) e o fondo mariño en pantallas electrónicas. Estas ecosondas  non buscan a estabilidade do sinal acústico nin a boa relación sinal-ruído na recepción, nin máis detalles que a distancia á que se atopan os “obstáculos”. Sen embargo, por motivos de visualización, adquiren unha información similar á que garda o software das ecosondas científicas. Noela, Daniel e os seus colaboradores analizan como usar esta información “visual” para facer estudos “low-cost” do fondo mariño. O obxectivo seguinte sería facer un análise estatístico (con R) que lles permita diferenciar aínda máis tipos de fondos, como xa se fixo con ecosoares científicos.

En Galicia hai máis de 4000 barcos pesqueiros de baixura e case 20000 barcos de recreo. Se o uso de sondas de barcos pesqueiros que propoñen os investigadores da Universidade de Vigo, a UNED e o CENPAT funcionan, ¿imaxinan que cantidade de información poderiamos ter sobre os nosos fondos?

Para máis información pode consultar o noso blogue:
https://oceanoecimat.wordpress.com/2016/02/09/el-desafio-de-usar-elementos-comunes-como-herramientas-cientificas-un-ejemplo-marino/

Fotografía de Gastón Trobbiani & Alejo Irigoyen