A próxima semana investigadores da agrupación OCEANO-ECIMAT dan comezo ás campañas ENVISION a bordo do buque Ramón Margalef. As campañas ENVISION enmárcanse dentro do proxecto “Desentrañando o papel das Vitaminas do grupo B na estrutura da comunidade, actividade e sucesión do plancto microbiano nun sistema de afloramento costeiro (ENVISION)”, financiado polo Ministerio de Economía e Competitividade, e teñen como obxectivo estudar, por primeira vez, a dinámica das vitaminas do grupo B e o seu papel na dinámica do plancto microbiano nunha rexión altamente produtiva. No proxecto participan, ademais de investigadores da agrupación OCEANO-ECIMAT, concretamente do grupo de oceanografía biolóxica da Universidade de Vigo (http://gobio.webs.uvigo.es/), investigdores da Universidade de Linneo (Suecia) e da Universidade do Sur de California (EEUU).

Tal como apunta Eva Teira, Investigadora Principal da campaña, “o papel das vitaminas na regulación das comunidades microbianas planctónicas foi ignorado durante anos, a pesar de que, por exemplo, demostrouse que a maioría das especies de fitoplancto necesitan unha fonte externa de vitamina B12 para crecer, posto que carecen da ruta metabólica para a súa síntese. Só recentemente púxose a punto a metodoloxía adecuada para medir a concentración de vitaminas no mar. As escasas medidas obtidas ata a data demostran a existencia de extensas rexións oceánicas, incluídas zonas costeiras, onde a concentración de vitaminas do grupo B é extremadamente baixa, o que suxire que estes compostos orgánicos poderían limitar o crecemento de determinadas especies do plancto microbiano en grandes áreas do océano”.
O obxectivo xeral do proxecto é determinar se a dispoñibilidade de vitaminas do grupo B inflúe na abundancia, distribución e actividade do plancto microbiano nunha rexión altamente produtiva. Para iso, o Grupo de Oceanografía Biolóxica da Universidade de Vigo, organizou 3 campañas oceanográficas a bordo do B/Ou Ramón Margalef, na zona de transición costa-océano fronte á Ría de Vigo, durante as cales tratarán de: (1) caracterizar a variabilidade espacial e temporal da concentración das vitaminas do grupo B na columna de auga; (2) avaliar a variabilidade espacial e temporal da resposta da comunidade microbiana á adición de nutrientes e/ou vitaminas B1 e B12; e (3) estudar o papel das vitaminas do grupo B na sucesión de especies do plancto microbiano. Seguirán unha aproximación multidisciplinar, incluíndo a medida de gran cantidade de variables físicas, químicas e biolóxicas na zona de mostraxe, a realización de experimentos a bordo do barco, e a aplicación de ferramentas moleculares máis sofisticadas como análises metaxénomicos e metatranscriptómicos.
As campañas comezarán a próxima semana levándose a cabo, previsiblemente, durante 3 situacións hidrográficas contrastadas: (1) inicio da proliferación fitoplanctónica (ENVISION-I, 17-26 de febreiro de 2016); (2) condicións de afloramento na primaveira (ENVISION-II, 16-25 de abril de 2016) e (3) condicións de afloramento no verán (ENVISION-III, 2-11 de agosto de 2016).