A ECIMAT estrea a súa canle de YouTube presentando este vídeo, un protocolo detallado, paso a paso, sobre a criopreservación de microalgas mariñas.
A criopreservación é unha ferramenta que se está aplicando exitosamente para a conservación de cultivos de microalgas mariñas. A criopreservación permite o almacenamento de células ou tecidos por longos períodos de tempo a temperaturas crioxénicas (-196ºC), mantendo un estado de “animación suspendida” no cal todas as actividades biolóxicas e reaccións metabólicas están en suspenso.
Entre as vantaxes desta técnica para o mantemento das coleccións microalgais están: o menor consumo de tempo de persoal especializado, o menor custo económico, a preservación intacta e funcional das cepas e un menor espazo de almacenamento. Todas estas vantaxes permitirían un incremento nas especies que calquer laboratorio pode ter á súa disposición e permite manter as características orixinais das cepas ailladas, sen risco de sometelas a presión selectiva por múltiples recepados.
A criopreservación de cepas de microalgas ao alcance de todos os laboratorios/empresas podería supoñer un gran aforro de tempo e recursos e abrir moitas perspectivas para a biotecnoloxía mariña. Os bos resultados obtidos con moitas especies son esperanzadores para que se continúe investigando nesta liña e definindo cada vez máis protocolos de criopreservación para diferentes especies de microalgas mariñas.
Máis información:
http://www.ecotox.es/es/eparedes
https://utk.academia.edu/EstefaniaParedesRosendo
https://www.researchgate.net/profile/Estefania_Paredes