A poboación actual de corvo mariño é un 60% menor da que había a comezos do 2000

corvo

O Prestige reduciu significativamente o éxito reprodutor do corvo mariño e este efecto mantívose no longo prazo, ata o punto de que a poboación actual desta especie no Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia é un 60% menor da que había a comezos da década do 2000. Así o demostra o investigador do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal Álvaro Barros na súa tese de doutoramento, unha minuciosa investigación sobre a conservación de poboacións periféricas en aves mariñas, centrada no caso do corvo mariño cristado, no noroeste da península ibérica.

Aínda que, especialmente nas illas Ons, a especie ven amosando signos de recuperación nos últimos anos, o investigador subliña que calquera novo impacto podería facer que a poboación descendese por baixo do que se considera o límite de poboación mínima viable, e esta se encamiñase cara á extinción. Estes impactos ben poderían ser un período especialmente prolongado de certas circunstancias meteorolóxicas, unha nova vertedura de hidrocarburos, a chegada de máis visóns ás illas, ou un evento especialmente dramático de mortalidade de adultos, “motivada, por exemplo, polas artes de enmalle, en claro auxe no parque nacional”, subliña o autor da tese, que fai fincapé en que a conservación da poboación estudada pasa pola aplicación urxente de medidas multidisciplinares.

Medidas urxentes

E cales deberían ser estas medidas? O investigador recalca a necesidade de que a administración facilite o financiamento necesario para iniciar canto antes un estudo detallado das posibles causas de mortalidade no parque nacional, con especial atención á interacción con artes de pesca. “Hai que analizar onde se está pescando dentro do parque, que é o que se está a pescar e con que artes, e ver se nese tipo de pesca están a morrer os corvos e en que cantidades”, subliña Barros, ao tempo que explica que, unha vez realizado este estudo detallado, poderanse propoñer medidas concretas de xestión da pesca neste espazo natural. “Somos conscientes de que é un tema polémico, pero esta é a clave se queremos que siga habendo corvos nas illas, unha especie que, cómpre recordar, foi un dos principais valores polos que se creou primeiro o parque natural de Cíes e logo o parque nacional actual”, apunta o investigador.

Outro aspecto determinante no que tampouco se debe baixar a garda é o seguimento das poboacións insulares de depredadores: gatos domésticos e visóns. Neste senso, o autor da tese lembra que hai anos que se están a eliminar os visóns americanos e tamén se controla a poboación de gatos. “Débese continuar con este traballo, eliminar os gatos e visóns que aínda queden e, sobre todo, controlar que non se formen novas poboacións, pois de chegaren máis exemplares habería que eliminalos á maior brevidade”, recalca o científico.

Os efectos das verteduras de petróleo mantéñense no longo prazo

Ao longo da súa tese de doutoramento Barros aborda varios dos problemas que afectan á conservación das poboacións máis meridionais do corvo mariño cristado, en particular e, en xeral, a todas as aves mariñas, desde a depredación por vertebrados exóticos, ata as verteduras de hidrocarburos, o cambio climático e os efectos da perda da diversidade xenética na eficacia biolóxica.

No que se refire aos efectos a longo prazo dunha gran vertedura de petróleo como a do Prestige o científico demostra que o accidente provocou un descenso do 45% no éxito reprodutor do corvo mariño na zona afectada. “Noutras palabras, no centro e sur de Galicia de media as parellas produciron medio polo menos despois da vertedura fronte ao que producían antes”, subliña o investigador, que fai fincapé en que este efecto se mantivo no longo prazo, pois dez anos despois da vertedura os corvos da zona afectada non recuperaron aínda os valores produtivos previos ao accidente. “Este resultado pon de manifesto que os efectos dos hidrocarburos sobre os organismos mariños pódense manter no longo prazo, o cal é un aspecto moi pouco documentado”, subliña Barros, quen en 2014 publicou, xunto aos seus directores de tese, David Álvarez e Alberto Velando, un artigo científico dando conta deste aspecto que foi publicado na revista Biology Letters e que, posteriormente, foi referenciado en Nature.

Fonte: Duvi