Como se formaron, de onde xorde o nome de ría, os sectores da súa explotación económica, a xestión sostible, a ocupación do territorio lindeiro ou os efectos da contaminación. Eu aprendo sobre… as rías é un pequeno resumo que recolle os coñecementos básicos sobre as rías galegas a través das achegas de oitos investigadores das universidades e centros de I+D ligados ao Campus do Mar. Esta publicación é resultado dun curso organizado o pasado ano para achegar a investigación realizada ao abeiro do Campus de Excelencia a docentes e estudantes non universitarios. No seminario os expertos afondaron na importancia das rías dende as súas respectivas disciplinas pero sempre cun punto de vista didáctico que agora se transmite ao libro, que debe servir como ferramenta ao profesorado para traballar na aula cos seus alumnos. O libro está dispoñible para a súa descarga de balde en formato pdf e libro electrónico na web do Campus do Mar.
Cinco capítulos e múltiples visións
Eu aprendo sobre… as rías enmárcase na iniciativa Oceántica, o proxecto educativo Ciencia, Tecnoloxía e Sociedade (CTS), promovido dende o Campus do Mar. O seu obxectivo é conectar e transmitirlle ao público non universitario o traballo de investigación realizado no Campus do Mar, hibridando os ámbitos científicos e tecnolóxicos cos ámbitos propios das ciencias sociais e implicando de xeito activo estudantado e profesorado. Por parte da Universidade de Vigo participan na publicación Guillermo Francés e Gonzalo Méndez, do Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio e Nuria González Prelcic, directora de AtlantTIC. O catedrático de Economía Aplicada da Universidade da Coruña, Fernando González Laxe é outro dos autores, xunto cos investigadores do Instituto Español de Oceanografía Antonio Bode e Juan José González, o expertos do CSIC Ricardo Prego e o profesor de ensino secundario Francisco Sóñora, que se encargou da coordinación didáctica da publicación, xa que está pensada para estudantes non universitarios. Para iso, cada capítulo propón tamén unha serie de actividades e exercicios para ser realizados polo alumnado.
A primeira das curiosidades coa que arranca o libro é a orixe do termo rías, acuñado por Von Richthofen en 1886. A partir de aí, o primeiro capítulo explica os factores que determinan a existencia e creación das rías, como os estudos dos sedimentos axudan coñecer a evolución das mesmas, as diferenzas con outros accidentes xeográficos como os fiordes ou o impacto da actividade humana nas rías. No segundo capítulo explícase o seu funcionamento para que os estudantes coñezan de onde e como chega a auga ás rías, as diferenzas entre as rías altas e baixas, cando son máis fértiles, os niveis de produtividade, etc. O terceiro tema ocúpase xa do papel do ser humano, en concreto, da ocupación das contornas das rías, onde se acumula unha alta densidade de poboación. Nesta parte explícase cal foi evolución histórica destas poboacións, cales son as singularidades deste terreo, a demografía, as actividades económicas máis representativas como o naval, o marisqueo, o turismo ou pesca e achega tamén consellos e erros pasados para unha mellor ocupación futura dos territorio das rías.
Neste mesmo eido céntrase o cuarto tema, afondando especificamente nas actividades económicas principais das rías, comezando polo papel dos portos como motor económico de Galicia, a especialización dos cinco portos de interese xeral de Galicia, o transporte marítimo, o futuro do tráfico portuario e a súa evolución nos últimos 20 anos e os efectos da globalización económica no sistema portuario galego. Na quinta parte do libro analízase a contaminación e os seus efectos nas rías, explicando os principais contaminantes nas diferentes épocas históricas, as vías de entrada destas substancias ao mar ou a crecente preocupación pola bioacumulación de contaminantes nos seres vivos. Tamén se ocupa este capítulo dos métodos de medición e análise da contaminación e explica porque o mexillón é unha especie indicadora de contaminación a nivel global. Finalmente, pecha o libro un capítulo sobre o papel da tecnoloxía na xestión intelixente das rías que permite obter datos sobre a evolución das especies, a meteoroloxía, calidade da auga, captura, seguridade marítima, etc. Neste sentido explícase en que consisten os sistemas de captación de datos como a teledetección ou as redes de boias, os radares e os procesos de xestión de datos.
O libro sobre as rías está dispoñible en pdf para descargar e en versión ebook en galego, pero dende o Campus do Mar estase a avanzar nas versións en castelán e portugués. Agora, e en base ao tratado no curso sobre cambio global que tivo lugar a pasada semana en Viana do Castelo, comezarase a traballar para extraer outra publicación similar que verá a luz durante este ano.
